Utilizamos cookies de terceros para mejorar nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.

   Saber máis - Aceptar.

© PRAZAS E MERCADOS. FEDERACIÓN DE PRAZAS DE ABASTOS DE GALICIA

DA TERRA Á "HORTIÑA DA PRAZA"

 
Da terra á Hortiña da Praza

 

 

O papel das prazas de abastos como escaparates dos produtos de tempada da súa zona é unha das súas principais fortalezas. Nos mercados atópase mercadoría de proximidade, que chega na súa maioría de pequenos produtores da contorna. De feito, en moitas ocasións o praceiro que está a vender un artigo é a mesma persoa que o cultivou, pescou ou criou. Complicado conseguir máis trazabilidade do que estamos a consumir: da terra á praza e, de aí, ás nosas mesas.

Un destes casos atopámolo na praza de abastos de Lalín. Vanessa Vidueiros ten ese dobre papel dende o seu posto, ‘Hortiña da Praza’. Ela cultiva as verduras e hortalizas que ofrece aos seus clientes. Algo que, asegura, o comprador dos mercados sabe valorar. “Aquí vén xente a buscar produto de primeira calidade. Non que compres unha leituga e dure quince días na nevera”, explica. “Son consumidores que aprezan que sexa todo de cercanía e de tempada. En xeral, non é xente que veña no mes de decembro a pedir tomates”.

Para ela, o verán é unha boa época. O tomate, o pemento e a leituga son os produtos máis demandados e que dominan os pratos estivais, pero en xeral é o momento do ano no que as hortalizas están case todas en produción. Nestes meses, no seu posto atópanse case a diario pementos de Padrón, italianos ou morróns, cabazas, cabaciñas, remolacha, porro… “Teño algo de todo”, explica Vanessa. “Esta é a mellor época para o negocio. Teño poucos gastos porque a produción é miña e, ademais, é cando mellor se vende”. Como marca o calendario do agricultor, durante o inverno a oferta é menor, cos grelos e os repolos como principais protagonistas dos cocidos que dominan as cociñas galegas.

Xa hai anos que se dedica a producir para abastecer a súa ‘Hortiña da Praza’, pero por mor da demanda hai un mes que aumentou o volume. Agora ten un invernadoiro de 1.300 metros cadrados dedicado unicamente ao cultivo de leituga. “Caben 16.000 plantas e nós queremos que saian 4.000 todos os meses”, comenta Vanessa. “Entón estaremos todo o rato cortando e plantando. É moito traballo e tes moi poucas horas para cortar moita leituga”.

Esta ampliación supón un importante salto no seu volume de produción. Antes, os cultivos saían adiante nun invernadoiro de 400 metros cadrados, no que convivían leitugas, tomates, espinacas, cabaciñas… Sempre, iso si, en función do momento do ano no que nos atopemos. “Teriamos que concienciarnos todos da importancia de consumir o produto de tempada”, asegura Vanessa. “Pero non o facemos porque somos moi cómodos e queremos comer o mesmo durante todo o ano”. Aínda así, insiste en que o cliente das prazas de abastos é unha excepción e un consumidor máis responsable. Por iso, a pesares de que o traballo se lle duplique, Vanessa desfruta do seu dobre papel como praceira e agricultora.

COMPARTIR